O xacemento castrexo-romano de Castromao sitúase na parroquia de Santa María de Castromao, no concello ourensán de Celanova (Ourense) a 2’5 quilómetros ó noroeste da capitalidade municipal. As coordenadas xeográficas exactas son: 42º 9’ 54’’ N e 7º 58’ 33’’ O. No curuto do monte había, en tempos, unha pequena capela medieval adicada a Santa María.

mapa castromao · Fai clik para agrandar...

Localización de Celanova e de Castromao no Mapa Topográfico Nacional, escala 1:25.000, folla 263-II.

É un dos castros máis ricos en achados arqueolóxicos, depositados no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ó longo de varias décadas de traballos. No centro Comarcal da Terra de Celanova, na torre medieval de Vilanova dos Infantes, atópase unha sala adicada exclusivamente a Castromao, na que explica, a través de paneis, maquetas, planos e reproduccións, a súa historia e algúns dos achados máis importantes nel atopados.

Emprázase nun outeiro xusto por riba do actural núcleo de Castromao, ó oeste. Dende o castro, sobre o que se sitúa, na parte maís alta, un punto xeodésico, a 732 m de altitude, domínanse as terras chairas circundantes e un amplo entorno; un día claro divísase un amplísimo entorno sobre o val do río Arnoia, e incluso a máis de 60 quilómetros no horizonte. A visibilidade é menor cara o sur, onde se elevan as últimas estribacións da Serra do Leboreiro. Nesta vertente o desnivel é moito máis suave, sendo ó acceso natural ó castro. Polas caras norte, oeste e suroeste, de fortes pendentes, o terreo é amparado polos muros de contención que conforman unha serie de plataformas escalonadas.

mapa castromao · Fai clik para agrandar...

Castromao dende o outeiro de Ermide ao S.E.

O recinto amurallado ten unha extensión de case 20.000 m2 (2’26 Ha.), cun eixo maior, Leste-Oeste, de 175 m. Pero os traballos realizados a partir do ano 1992 demostraron que os restos arqueolóxicos non se limitan ó monte, senón que exceden ó recinto amurallado localizado ata o momento, salvo en parte das ladeiras norte e oeste, que son as de maior pendente (Orero Grandal 1994, 114).

O recinto está envolto por unha muralla de case 487 m perimetrais, que delimita o recinto, servindo, á vez, de contención de terras para a plataforma inferior, a partir da cal o terreo adquire maior pendente (Fariña Busto 1980, 166).

mapa castromao · Fai clik para agrandar...

Fotografía aérea de Castromao, na que se distingue perfectamente o perímetro amurallado (foto extraída da Peza do Mes de febreiro do 2002, do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense).